sábado, 20 de julio de 2013

O FESTIVAL FOLCLÓRICO CARNEIRO AO ESPETO ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN CULTURAL SEIXEBRA CUMPRE 10 ANOS



O FESTIVAL FOLCLÓRICO CARNEIRO AO ESPETO ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN CULTURAL SEIXEBRA CUMPRE 10 ANOS

·  Celebrarase mañá, 21 de xullo, a partir das 20:00 horas no patio da Casa de Cultura ADR Castelao de Moraña
·  Os grupos que acompañan a Seixebra este ano son a Asociación Cultural e Deportiva Tordoia, de Xenebra (Suíza) e a Asociación Cultural Airiños de San Xulián, de Marín

Moraña (Pontevedra), 20 de xullo de 2013.- O Festival Folclórico Carneiro ao Espeto organizado pola Asociación Cultural Seixebra de Moraña cumpre 10 anos e esta edición celebrarase mañá, 21 de xullo, a partir das 20:00 horas no patio da Casa de Cultura ADR Castelao de Moraña.

A Asociación Cultural e Deportiva Tordoia, de Xenebra (Suíza) e a Asociación Cultural Airiños de San Xulián, de Marín son os grupos que acompañarán a Seixebra este ano. A través deste evento, o grupo de Moraña busca divulgar a música tradicional galega e reflectir o traballo desenvolvido ao longo do curso.

Dende o 2004 Seixebra organiza este festival coa colaboración do concello de Moraña como unha actividade enmarcada nas festas do Carneiro ao Espeto e dende aquela pasaron polo escenario do patio da Casa de Cultura A.D.R. Castelao numerosos grupos da música tradicional galega. Tamén doutras comunidades autónomas como Asturias e León.

Os grupos convidados
O grupo da A.C.D. Tordoia nace no 1995 en Xenebra no seo da asociación cultural e deportiva Tordoia, formada por emigrantes galegos, a maioría procedentes dese concello coruñés. O seu obxectivo é transmitir ás novas xeracións descendentes de emigrantes galegos o respecto pola tradición e cultura popular galega. Conta con preto de 30 membros distribuídos nas escolas de baile, percusión e gaita.

A Asociación Cultural Airiños de San Xulián fundouse no 1989 en San Xulián, Marín. Está dirixida composta por 28 membros repartidos nas seccións de baile e música. O grupo participou en diversos programas da Televisión de Galicia e a Televisión Española e organiza o festival folclórico Virxe dos Remedios, que se celebra na parroquia de San Xulián dende 1996. Dende o 2011 traballa conxuntamente coas pandereteiras de Fentos e Frouma procedentes da mesma parroquia.

A.C. Seixebra
Seixebra nace en Moraña (Pontevedra) e en outubro deste ano cumpre 15 anos. Na actualidade conta cuns 90 membros de idades variadas e repartidos nas escolas de baile, gaita, pandeireta e percusión. O máis importante deste curso para Seixebra foi a actuación de novembro de 2012 no Festival Internacional de Folclore de París.Tamén os tres premios que o grupo levou en diferentes concursos:un terceiro premio do grupo baile dos maiores nas Xornadas de Danza e Música Tradicionais, en Vigo; un segundo premio de baile dos medianos no concurso de Tequexetéldere, na Estrada e outro segundo premio que gañaron as pandereteiras medianas no certame de canto e de percusión tradicional de Traspés, en Vigo.