miércoles, 13 de mayo de 2009

ARRIEIROS DE MORAÑA


Arrieiros de Moraña foi un dos cantos que soou onte no programa Alalá da TVG a través das voces de Cántigas da Terra.
Como moitos de vós sabedes, este foi un oficio de fama no noso concello, xa que os arrieiros de Moraña eran os que transportaban o viño para as tabernas dende as terras ourensás de O Ribeiro.
Conta Xosé Luis Barreiro Rivas nun artigo do nºVI da revista cultural Cotaredo de Forcarei, que a finais do S. XIX os arrieiros morañeses que ían polo Paraño arriba se detían nas fondas de Vilapouca (Forcarei) a comer carne richada. De aí que por estas terras (Forcarei, Cerdedo, etc) algúns dos máis maiores lembren e ensinen a letra e música do cantar do arrieiro. Unha letra que ao ir de boca en boca, ás veces sofre modificacións pero que vale a pena transmitir para que non desapareza no aire.
Diso, ademais de Cántigas da Terra, tamén se encargaron outros como o músico Emilio Cao que rexistrou unha versión deste canto no seu disco Fonte do Araño (1977).

Qué contades vós deste legado?
Eu voto por que sexa unha peza especial (con selo propio) no repertorio de Seixebra e que nós a recuperemos en Moraña co noso estilo.

P.D. Se queredes ver o programa Alalá de onte (12-05-09) podedes facelo en: http://www.crtvg.es/TVGacarta/?prog=7