martes, 30 de diciembre de 2008

EXPOSICIÓN DEZ ANOS DE SEIXEBRA

Onte foi o primeiro día desta iniciativa que na que todos deixamos algo de nós: tempo de traballo, fotos, vestimenta tradicional, instrumentos... e como podedes ver o resultado é bonito. A exposición Dez anos de Seixebra estará na Casa de Cultura ADR Castelao de Moraña ata o sábado 3 de xaneiro, día no que a agrupación celebra un festival para conmemorar esa década de existencia.

P.D. Esta foto foi realizada xusto cando rematamos de montar a exposcición, rondaban ás 22:30 horas. Faltan algúns membros e membras (jeje) da staff, así que dende aquí van estas palabras para os que non aparecen na foto e merecían aparecer tamén.
Moitos aturuxos para vós!

martes, 16 de diciembre de 2008

MOMENTOS SEIXEBRA EN IMAXES E PALABRAS

Boas a tod@s!
Penso que chegou o momento de facer memoria e lembrar aqueles "momentos Seixebra", porque, como sempre digo, dez anos dan para moito e o feito de cumprir unha década é unha boa excusa para sacar á luz aqueles intres que deixaron rastro e que pouco a pouco foron configurando o que hoxe é o grupo.
É certo que as fotos nos axudarían moito a facelo, pero tamén é un bo exercicio pensar cáles credes que foron aqueles momentos que máis significaron para Seixebra ou que foron especiais por algún motivo para vós en particular. Así tamén poderemos descubrir qué experiencias foron captadas en fotografías, que seguro que están desexando ser expostas.
Pensade que é facer o mesmo exercicio que fan os nosos maiores para lembrar e ensinarnos as coplas e os puntos que eles cantaban e bailaban. É facer traballo de campo en nós mesmos co obxectivo de rexistrar dalgún xeito eses instantes.
Eu por exemplo, recordo...
  • Aquela primeira clase de pandeireta e baile no local do Buelo en outubro do 98. Con trece anos volvía coller aquela pandeireta que dende os seis non volvera coller, sen embargo... iso do baile rexional era totalmente novo para min.
  • A mestura de nervios e ilusión da primeira actuación, a carón da igrexa de San Salvador de Saiáns. Estreábamos roupa tradicional.
  • Un serán ao que foramos a Moaña. Ese día, por fin souben o que eran exactamente aquilo ao que lles chamaban seráns. Ademais con mestres coma os de Toutón...¿quen se resiste? ¿Qué ano sería? ¿1999-2000?
  • A actuación no comedor do colexio, no ano 2001, para recadar fondos de axuda para os afectados polos terremotos de El Salvador
  • A primeira voda do grupo: Ana Rosa e Ángel. É incrible a capacidade que temos para facer de convidados e de banda amenizadora á vez e con cambio de vestiario incluído. Ben o volvemos demostrar na voda de Lourdes e tamén na voda de Raquel
  • Emocioneime o día que fomos a Lira (Carnota) a limpar chapapote. Esa impotencia de ver que todo seguía negro por moito que limpásemos, non se olvida. Tampouco esquezo que aquel foi o día que na praia cantamos con Leilía, Cantar por non chorar.
  • A mellor referencia temporal que teño do grupo é a filla dos profes, pois Seixebra e ela son xusto do mesmo tempo. Moitos de nós vimos como ambas foron crecendo. Concretamente a María dende que estaba no ventre da súa mamá ata hoxe. Hai que escoitar, qué tesouro de voz está a cultivar esta nena de dez anos. Ten a quen parecerse.

Agora convídovos a seguir escribindo e buscando imaxes, porque hai moitos recordos e anédotas que merecen ser rescatados. Podedes dicir por exemplo cáles das nosas actuacións vos gustaron máis ou qué sitio dos que fomos a actuar vos chamou máis a atención... o que se vos ocorra. Eu continuarei remexendo a ver qué máis sae. Agardo que vós tamén o fagades.